Sunday 05 de May de 2024

O lixo mariño e a compostaxe serán as materias prioritarias das actividades divulgativas da programación do Ceida en 2019


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá na reunión do Consello de Dirección do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a programación do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) do vindeiro ano priorizará as actuacións que redunden nunha maior concienciación sobre o lixo mariño e a compostaxe.

Así o detallou a responsable de Medio Ambiente na reunión do Consello de Dirección do Ceida, celebrada esta mañá, na que se presentaron as actividades e a planificación deste centro para o ano 2019, para as que a Consellería de Medio Ambiente achegará un orzamento de case 95.000 euros. No vindeiro ano prevese o desenvolvemento de máis de 450 actividades coas que se quere chegar a preto de 50.000 usuarios.

Detallou que se celebrarán 300 programas de educación ambiental, 70 exposicións itinerantes e 10 no Castelo (sede do Ceida), ao redor de 60 actividades formativas e divulgativas e 15 actividades relacionadas co ciclo de cine Butaca Verde. A conselleira salientou que das actividades programadas destacan as dirixidas a dinamizar a Rede Galega de Reservas da Biosfera e a Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

Outro dos retos do vindeiro ano da Consellería será avanzar nos acordos para a constitución da Rede de Reservas da Biosfera Atlántico-Pirenaica, un proxecto de cooperación exterior no que se contará coa colaboración da Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Defendeu o papel do Ceida como un instrumento para a promoción e divulgación da educación ambiental en todos os sectores e tamén como ferramenta para o intercambio do coñecemento científico. Ángeles Vázquez adiantou que para apoiar dita función, o vindeiro ano incrementaranse os fondos do Centro e actualizarase o catálogo en liña. O obxectivo será chegar aos 30.000 documentos a finais de 2019, o que supón un incremento de máis de 1.500 novos recursos.

A conselleira destacou que co plan de traballo previsto para o ano 2019 quere darse continuidade ao labor desenvolvido en 2018, co fin de que o Ceida sega a ser unha referencia, como o foi para as preto de 50.000 persoas que participaron en 2018 nas 440 actividades formativas, divulgativas e de educación ambiental, incluíndo exposicións.